A Axenda Urbana e Rural de Paradela debe responder ao cumprimento dos compromisos adoptados de conformidade coa Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidades, a Axenda Urbana para a Unión Europea e a Axenda Urbana Española.
Axenda 2030
En 2015, a ONU aprobou a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, unha oportunidade para que os países a as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos e todas, sen deixar a ninguén atrás. Conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que inclúen desde a eliminación da pobreza ata o combate ao cambio climático, a educación, a igualdade da muller, a defensa do medio ambiente ou o deseño das nosas cidades. Respecto a estas, o ODS 11 persegue cidades máis sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.
Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas
A Terceira Conferencia de Nacións Unidas sobre Vivenda e Desenvolvemento Urbano Sostible —Hábitat III— tivo como principal obxectivo identificar os novos desafíos e fortalecer o compromiso político global, para alcanzar un desenvolvemento urbano sostible, mediante a aprobación dunha «Nova Axenda Urbana», que define os parámetros das cidades do século XXI. Trátase dun documento estratéxico, de adhesión voluntaria, que presenta a urbanización como un instrumento para lograr o desenvolvemento sostible.
Axenda Urbana para a Unión Europea
O Pacto de Ámsterdam, aprobado no 2016, materializa a Axenda Urbana para a Unión Europea. Esta oriéntase cara a 3 obxectivos concretos: a mellora da regulación comunitaria, en especial a daquela que ten un impacto directo sobre as áreas urbanas, a procura dun deseño máis efectivo e dunha xestión máis sinxela dos instrumentos de financiamento da UE e, finalmente a promoción do intercambio de coñecemento.
Axenda Urbana Española
A Axenda Urbana Española (AUE) é un documento estratéxico, sen carácter normativo e de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos pola Axenda 2030, a nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.
Tras un intenso traballo de elaboración e un amplo proceso participativo, esta estratexia de desenvolvemento urbano de carácter integrado ofrece un Decálogo de Obxectivos Estratéxicos. Todo iso desde unha ampla visión que inclúe a todos os pobos e cidades con independencia do seu tamaño e poboación, e baixo o triplo prisma da sustentabilidade económica, social e medioambiental.