O 13 de maio celebráronse dúas mesas sectoriais, de forma simultánea, para a elaboración da Axenda Urbana e Rural de Paradela, co fin de elaborar a diagnose e planificación estratéxica que atenda ás problemáticas e retos que o conxunto da veciñanza entenda que deben afrontarse nos vindeiros anos. Estas mesas tiveron lugar no núcleo da Parrocha, concretamente no Mesón O Descanso, e contaron coa participación de representantes dos sectores agrogandeiro por unha banda e da alimentación e hostalería, cultura e turismo por outra.


Primeiramente foron presentados os principais traballos realizados no proceso de elaboración da Axenda, con especial énfase nos resultados provisionais da enquisa online, que segue habilitada no enlace https://es.surveymonkey.com/r/auparadela_web. Esta consulta indaga sobre as principais problemáticas que se identifican no municipio tanto actuais como futuras, e sobre as liñas de actuación prioritarias que deben ser abordadas na Axenda. Neste senso, as principais problemáticas percibidas pola cidadanía consisten no envellecemento da poboación e a dependencia municipal ao respecto do sector agrogandeiro e a falta de diversificación económica. En canto ás propostas, pódese afirmar que as liñas de actuación que se ven como prioritarias son a dinamización das iniciativas empresariais existentes e a dinamización económica, a humanización do espazo público das parroquias e a consolidación dos servizos sociais.


Tras a presentación destes resultados, procedeuse a unha serie de dinámicas, contándose cun ambiente moi dinámico e participativo. Nestas dinámicas foron abordadas as principais eivas e feblezas do municipio, así como as potencialidades coas que conta en ámbitos como os seguintes: a dinamización económica, o reto demográfico, a posta en valor do patrimonio e o seu aproveitamento turístico ou o fomento da participación, entre outros. A continuación, recóllense os principais aspectos que foron recollidos nestes debates:

Potencialidades e aspectos a promover
  • Existencia de produtos locais de calidade, en especial do sector agrogandeiro.
  • Existencia de recursos con potencial, como por exemplo a madeira.
  • Proxectos de iniciativas de reaproveitamento de subprodutos e de economía circular, como unha planta de biogás.
  • Preservación de infraestruturas tradicionais, como camiños tradicionais.
  • Posibilidades de promoción turística, que pivote na contorna e na posta en valor do produto local.
  • Melloras nas infraestruturas de comunicación e transportes, en especial a chegada do AVE a Sabiñao.
Debilidades e aspectos a atenuar
  • Problema de relevo xeracional, tanto dende o punto de vista demográfico como económico.
  • Escaseza de vivendas dispoñible para novos residentes e traballadores.
  • Falta de iniciativas de aproveitamento dos subprodutos, en especial do sector agrogandeiro.
  • Falta de diversificación económica (por exemplo, inexistencia de iniciativas de transformación de produtos agrarios).
  • Necesidade maior colaboración entre a veciñanza (por exemplo, mediante o asociacionismo) e entre esta e a administración pública.
  • Posibles consecuencias negativas derivadas dun exceso de parques eólicos.

Os aspectos e conclusións recollidas nestas mesas sectoriais contribuirán á elaboración da diagnose e do Plan de Acción da Axenda Urbana e Rural de Paradela, permitindo unha identificación máis axeitada das problemáticas e retos que debe afrontar o municipio, de cara a conseguir un territorio máis sostible dende os puntos de vista económico, medioambiental e social.

Categorías: Novas