Dende principios de ano, vénse elaborando a Axenda Urbana e Rural de Paradela, sendo o único municipio galego de menos de 5.000 habitantes que contará cun Plan de Acción Piloto da Axenda Urbana e que servirá de referencia para todos aqueles municipios que opten por desenvolver a súa folla de ruta para o desenvolvemento sostible.

Durante este período desenvolveuse un diagnóstico da situación do municipio de Paradela en relación aos diferentes Obxectivos Estratéxicos que debe recoller a Axenda Urbana, así como foron perfiladas as liñas de actuación, proxectos e medidas para facerlle fronte aos retos identificados. Para tal fin, levouse a cabo unha análise exhaustiva a partir de diferentes vías: dende a análise cuantitativa de indicadores e datos extraídos de fontes secundarias ata a posta en marcha dun proceso de participación pública que abrangueu unha consulta cidadá online, entrevistas a axentes chave e mesas de traballo sectoriais.

Actualmente, xa se conta coa diagnose e cun borrador do Plan de Acción da Axenda Urbana, sendo a intención do Concello a súa aprobación en pleno a principios de setembro.

A continuación, expóñense as principais conclusións identificadas na diagnose, así como as estratexias definidas no Plan de Acción en alineación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e os Obxectivos Estratéxicos da Axenda Urbana Española.

  • A Axenda Urbana procura unha dotación de servizos públicos acordes ás necesidades sociais da cidadanía. Así, ante a regresión demográfica experimentada por Paradela nas últimas décadas, faise preciso potenciar unha rede de servizos descentralizada e con especial atención ás necesidades da poboación maior, así como para favorecer a reversión desta dinámica de despoboación facendo máis atractivo o municipio
  • No eido da economía e o emprego, Paradela destaca por un contar cun sector primario forte, que concentra o 54% dos traballadores. Nos vindeiros anos será preciso aproveitar o potencial para a diversificación da estrutura produtiva, reforzando ámbitos como as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, o turismo sostible e rural, ou a produción cultural
  • A consecución de espazos públicos de calidade e accesibles, a rexeneración urbana e o fomento da mobilidade sostible resultan claves no desenvolvemento das Axendas Urbanas. Os anteproxectos de humanización (como na Praza Fraga Iribarne, no núcleo tradicional de Pacios e na Avenida Cabaleiros de Santiago), determinadas actuacións urbanísticas dentro do Plan Hurbe Ribeira Sacra 2021-2022 (por exemplo, o proxecto de reurbanización en Praza de Barán), a elaboración dun Plan de Mobilidade Sostible e o desenvolvemento de Áreas de Rehabilitación Integral dan mostra do impulso neste senso no municipio de Paradela.
  • A riqueza do patrimonio natural, cultural e arquitectónico de Paradela supoñen amplas oportunidades para o seu aproveitamento económico e turístico de forma sostible, así como un recurso tractor de habitantes. Cabe sinalar a súa posición estratéxica en tanto que o municipio se sitúa na Ribeira Sacra, é atravesado polo Camiño de Santiago e conta co Espazo Natural de Interse Local máis extenso de Galicia: o ENIL Loio.Ruxidoira, de 437 ha e no que se teñen inventariado 22 especies protexidas e múltiple patrimonio arquitectónico representado por muíños de auga e pontes
  • Ao respecto da fenda dixital, en Paradela, cun crecente envellecemento da poboación, cun alto porcentaxe de núcleos sen cobertura de internet e cunha feble formación respecto ás capacidades dixitais, este desafío ponse de manifesto. É por iso que a Axenda Urbana debe abordalo, apostando por unha mellora da conectividade dixital, a formación en capacidades tecnolóxicas e a integración das potencialidades destas ferramentas dixitais nas actividades económicas
  • Por último, cómpre destacar o especial protagonismo que cobra a gobernanza e a participación cidadá no desenvolvemento das Axendas Urbanas, sendo fundamental a implicación da cidadanía na toma de decisións. Neste senso, Paradela conta cunha ampla experiencia, como por exemplo: a posta en marcha de procesos participativos para a elaboración do Plan de Mobilidade Sostible ou da Estratexia de Revitalización Local, así como forma parte de redes de colaboración entre entidades como a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés ou o GDR Miño-Ulla

Nas próximas semanas avanzarase na definición dos proxectos e medidas a incluír no Plan de Acción. Así mesmo, será publicada a documentación emanada deste proceso de elaboración da Axenda Urbana, de forma que a cidadanía paradelense poida consultar con detalle esta folla de ruta, e así poder ser partícipe dunha forma óptima na súa implementación, seguimento e avaliación.

Categorías: Novas