O pasado 5 de maio, tivo lugar a segunda mesa sectorial de traballo dentro do marco para o deseño da Axenda Urbana e Rural de Paradela, co fin de elaborar unha diagnose e unha planificación estratéxica que atenda ás problemáticas e retos que o conxunto da veciñanza entenda que deben afrontarse nos vindeiros anos.

Para este encontro, foi convidada unha serie de axentes e entidades representantes do municipio procurando a maior pluralidade posible de sectores e intereses. Así, fundamentalmente, participando actores políticos de distinto signo con representación municipal, e de entidades do tecido asociativo e empresarial, dando voz ás diferentes necesidades e intereses do conxunto da veciñanza.

A finalidade principal desta mesa consistiu na identificación das principais eivas e feblezas de Paradela, e a detección das liñas e medidas de actuación que deben ser abordadas na Axenda Urbana e Rural para dar resposta ás problemáticas e retos xa identificados na diagnose elaborada previamente.

En dito encontro, presentáronse tamén os resultados provisionais obtidos na enquisa online aberta á cidadanía, a cal foi publicada no último mes e permanecerá habilitada no seguinte enlace durante os próximos días: https://es.surveymonkey.com/r/auparadela_web. Como datos máis salientables, percíbese como unha das principais problemáticas recollidas na consulta, o envellecemento da poboación, sendo considerado como un serio problema para un 85% das persoas participantes, así como a preocupación pola dependencia municipal ao respecto do sector agrogandeiro e a falta de diversificación económica da zona. Aspectos como o acceso á vivenda, a ausencia de programas e actividades sociocomunitarios ou a dependencia do Camiño de Santiago e da Ribeira Sacra no eido turístico considéranse retos de menor relevancia que os anteriores.

Esta consulta tamén indagou sobre as liñas de actuación que deben ser abordadas na Axenda. Segundo as respostas ofrecidas polas persoas participantes na enquisa pódese afirmar que aquelas liñas de actuación que se ven como prioritarias son as seguintes: a dinamización das iniciativas empresariais existentes e a dinamización económica, a humanización do espazo público das parroquias e a consolidación dos servizos sociais. Tamén se entende que a mellora do patrimonio (tanto material como inmaterial), a aposta por un cambio de modelo enerxético ou a preservación dos espazos naturais son liñas de actuación de relevancia para incluírse neste documento estratéxico.

A exposición destes resultados acadados na enquisa online favoreceron o posterior debate entre as persoas participantes na mesa, sendo abordadas temáticas referidas á dinamización económica, ao reto demográfico, á posta en valor do patrimonio e o seu aproveitamento turístico, á redución do deterioro medioambiental e ao fomento da participación no municipio.

Os aspectos e conclusións recollidas nesta mesa sectorial contribuirán á elaboración da diagnose e do Plan de Acción da Axenda Urbana e Rural de Paradela, permitindo unha identificación máis axeitada das problemáticas e retos que debe afrontar o municipio, de cara a conseguir un territorio máis sostible.

Categorías: Novas