Dos máis de 120 municipios que elaborarán a súa Axenda Urbana no marco da convocatoria de axudas concedidas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, un é o Concello de Paradela. De feito, trátase do único municipio galego de menos de 5.000 habitantes que elaborará este documento, que se pretende que sexa un modelo de referencia para que posteriormente outros municipios do conxunto do Estado redacten a súa Axenda.

O municipio de Paradela foi seleccionado para esta encomenda principalmente como unha forma de avanzar na folla de ruta que vén consolidando nos últimos anos, destacándose a Estratexia de Revitalización Local. Así, desde o MITMA entendeuse que a concepción de reinvención e dinamización rural pola que vén apostando Paradela transcende o seu propio ámbito territorial podendo ser replicable a municipios de similar rango poboacional. Foron clave para esta decisión particularidades do municipio como a posta en valor dos recursos turísticos de enorme relevancia (como son o Camiño de Santiago e a Ribeira Sacra), o fortalecemento do centro urbano con actuacións que procuran a fixación de poboación e a aposta por posicionar o rural como unha opción de vida saudable e posible, en especial tendo en conta o auxe do teletraballo a raíz da COVID-19.

Unha aposta por un municipio máis sostible

A Axenda Urbana e Rural é un documento estratéxico que se concibe como unha folla de ruta para a consecución de cidades, vilas e pobos sostibles desde os planos económico, social e medioambiental. Componse dunha diagnose na que se detectan as principais problemáticas e retos que debe afrontar o municipio no futuro, así como da definición dos obxectivos e liñas de actuación que debe perseguir. A súa elaboración e posta en marcha facilitará o acceso ás axudas vinculadas ao desenvolvemento urbano e rural sostible e integrado.

Arranca o proceso de elaboración da Axenda

Nos últimos días vénse de iniciar o proceso de elaboración do documento, que se desenvolverá nos próximos meses. Un dos primeiros pasos consistiu na realización de entrevistas a diferentes axentes da realidade municipal, como son representantes do sector gandeiro, da hostalería ou do comercio local, entre outros.

Así mesmo, o xoves 21 tivo lugar a primeira das dúas mesas de traballo previstas que se van realizar ao longo do proceso. Neste encontro participaron axentes en representación dos principais sectores económicos do municipio (gandería, hostalería, comercio, etc.), así como representantes da administración municipal e comarcal, como por exemplo do GDR Miño Ulla. Foron abordados temas como as liñas de actuación que debe implementar o concello para facer fronte aos problemas e retos existentes en torno a seis eixos principais: o sociodemográfico, o económico e produtivo, o enerxético, o patrimonial e cultural, o medioambiental e por último o eixo de participación comunitaria e innovación, de cara a facer de Paradela un ámbito de convivencia amable, acolledor, saudabe e concienciado. Os asistentes ao encontro coincidiron en que é necesario darlle un impulso a cuestións como o apoio á vivenda creando unha bolsa de vivenda dispoñible, a mellora da mobilidade acondicionando a ampla rede de sendeiros e camiños tradicionais existentes, a diversificación de actividades económicas co apoio a iniciativas empresariais verdes e dixitais, ou o impulso da economía circular, entre outras.

Participa na súa elaboración

Na elaboración da Axenda será chave a participación cidadá e a gobernanza, que se materializará mediante a celebración de mesas de traballo, entrevistas e unha enquisa online. Neste sentido, elaborouse unha enquisa online que xa está habilitada e que se pode cubrir a través do seguinte enlace https://es.surveymonkey.com/r/auparadela_web. A finalidade deste formulario é dobre: por unha banda, que a cidadanía ofreza a súa valoración sobre os principais desafíos e retos que debe afrontar o municipio nos próximos anos, e por outra, que achegue propostas e ideas sobre posibles solucións a adoptar ante as problemáticas detectadas.

Ademais, habilítanse diferentes vías para contactar co equipo redactor da Axenda coa finalidade de realizar consultas, amosar o desexo de recibir información sobre o proceso ou de participar no mesmo, que son: a través do teléfono 698.169.128, ou mediante o formulario de contacto habilitado na web: www.axendaurbana.paradela.es


Categorías: Novas